O pasado domingo celebrouse o Día das Letras Galegas e foron varias as actividades que se levaron a cabo para conmemorar esta data tan sinalada das nosas letras:
Letras Galegas 2026
Novidades Letras Galegas
Para celebrar as Letras Galegas queremos ensinarvos as últimas incorporacións á nosa biblioteca, entre elas varias obras que nos axudarán a coñecer un pouco máis a Begoña Caamaño, homenaxeada este ano na festa das nosas letras. Agardamos que vos gusten!
Obradoiro "A Pinguela"
Seguimos compartindo actividades do Mes das Letras. Neste Ano da Música, esta estivo moi presente ao longo desta semana. A Asociación Cultural A Pinguela, de Bama, levou a cabo uns obradoiros para o alumnado de Infantil e Primaria nos que, contando unha historia na que as protagonistas querían ir á feira e logo bailar, foron mostrando as diferentes prendas do traxe tradional: saia, xustillo, mantelo, pano, pendentes, colares... A continuación ensinaron e tocaron distintos instrumentos como o pandeiro, a pandeira... e obxectos da cociña empregados para facer música como a tixola, cunchas, a lata de pimentón, culleres...
Tocaron e bailaron, animando ao alumnado a facer o mesmo, facendo unhas sesións moi dinámicas. Moitas grazas á Asociación e á ANPA A Santaia por facer posible este achegamento á nosa música tradicional!
Teatro "Entre soños e tropezos"
Seguimos celebrando o Mes das Letras! Unha das actividades mais agardadas é a, xa tradicional, representación da aula de teatro do centro. O pasado xoves tivo lugar a posta en escena da obra 'Entre soños e tropezos'. Queremos trasladar os nosos máis sinceros parabéns a todo o alumnado participante e ao seu mestre, Afonso, polo seu esforzo e talento. Grazas por brindarnos unha xornada tan especial, chea de sorrisos e aplausos!
Visita de Celso Fernández Sanmartín
Este Día do Libro vivímolo dun xeito moi especial, coa visita de Celso Fernández Sanmartín. Un grupo de voluntarios e voluntarias da biblioteca foron os encargados de recibilo, ensinarlle a biblioteca e acompañalo polo colexio ata audiovisuais. Alí, todo o alumnado e o profesorado, por quendas, gozou da maxia de Celso, quen, cos seus contos, nos fixo rir, cantar, recitar trabalinguas e tremer de emoción. Unha xornada para o recordo!
Apadriñamentos lectores
O pasado martes, 21 de abril, e dentro das actividades do Día do libro, levouse a cabo a actividade que máis ilusión les fai aos voluntarios e voluntarias da biblioteca, os apadriñamentos lectores. O alumnado voluntario leu varios libros ao alumnado de Infantil. Uns e outros gozaron da lectura ao aire libre, compartindo esta experiencia que tanto pracer lles dá. Só podemos dar os nosos parabéns aos voluntarios e voluntarias, conseguirán manter a atención dos pequenos e pequeñas en todo momento!




















































